Estudantes da UVigo presentaron tres deseños de videoxogos inspirados en Os mortos van á presa

mércores, 16 de decembro do 2020 Redacción

Os estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación levaron a cabo un proxecto conxunto que consistiu no deseño dun videoxogo inspirado no guión da largometraxe Os mortos van á présa. Esta iniciativa busca achegar ó alumnado de diferentes titulacións ós procesos de traballo nesta industria.
O alumnado de Telecomunicación presentou o seu proxecto no que integraban as tres “produtoras” que debían desenvolver o primeiro nivel dun xogo. Doutra banda, os estudantes do grao de Publicidade e Relación Públicas, responsabilizáronse das accións de difusión dos seus proxectos. A esta presentación acudiu de forma virtual o gañador de tres premios Goya Ángel de la Cruz, director de Os mortos van á presa.
Os tres videoxogos basearon a súa idea no guión da longametraxe anteriormente citada, así como os modelos tridimensionais que recrean a parroquia ribadense de Rinlo (Ribadeo) na que se ambienta a historia. O xogo xira en torno á mitoloxía galega cun foco na Santa Compaña, fusionando así o “ambiente misterioso da vila” coas características do xénero survival horror, que “crean o escenario perfecto para mostrar unha Galicia moi fantástica e terrorífica”.
Doutra banda, o grupo Countdown avogou por “facer unha aproximación amable e característica da historia orixinal”, cunha “aventura de crebacabezas”. Pola súa parte, o equipo Triade Studios optou por combinar estes dous xéneros, os xogos de puzzles e de terror na súa proposta.
Os tres equipos destacan esta iniciativa que lles levou a “xuntar o coñecemento das nosas respectivas materias para colaborar”. Ademais o grupo Countdown admite que “para desenvolver videoxogos fan falla persoas con diferentes habilidades, polo que é unha experiencia moi positiva”. Pola súa parte, José Luis Castro, profesional do sector, engade que “é un sector profesional moi potente, no que hai moito diñeiro, moitas empresas e moitísimo público”.
Esta edición foi diferente á de anos anterior por mor da COVID-19, polo que obrigou a que o traballo dos diferentes grupos se desenvolvese de xeito virtual. “Só houbo dúas sesións presenciais, unha primeira para coñecerse e explicar o tema, e a de hoxe”, apunta un dos docentes. A sesión trasladarase ó formato virtual, que será retransmitida a través da plataforma Twitch.

PUBLICIDADE