Estudantes da USC rodan unha curta sobre o despoboamento botando man da técnica da iPhoneography

luns, 21 de outubro do 2013 Redacción

Silencio e balbordo, débil e forte, herba e asfalto... en definitiva: opostos e tamén semellantes... poderiamos seguir cunha listaxe infinda de antónimos que veñen moi a conto cun problema que nos afecta ás galegas e galegos moi de preto. Estamos a referirnos ao despoboamento do noso rural, ao desleixo no que se atopa inmerso o mellor dos nosos bens, a orixe de todos nós, pois de aí vimos todas e todos... a nosa natureza (xenética e tamén paisaxística) que cómpre coidar e volver conquistar do mellor xeito posíbel, habitándoa. Reflexións coma estas puideron ser as que deron froito a un traballo que estes días teñen entre mans un grupo de estudantes de 3º de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a materia de Produción Cinematográfica, eles son Sabela Freire e Mateo Carrera (comunicación e marketing), e Polly Redpath máis Estefanía Fernández (produción).
O proxecto en cuestión xorde tomando como referencia a historia reflectida nos medios a comezos do curso 2012/2013, cando o municipio ourensán de Vilariño de Conso (de tan só 600 habitantes) se enfrontaba a un problema de despoboamento que daría como resultado o reagrupamento educativo de nenos entre 3 e 12 anos. Isto provocaría que un só profesor daría clase na mesma aula a nenos de distintos niveis e distintos ciclos de educación, dende infantil até a preparación á secundaria. Para evitalo, esta pequena ofreceu vivendas con prezos de alugueiro mínimos para calquera tipo de persoas que quixeran vivir alí, sempre e cando estiveran acompañadas por nenos en idade escolar.
É preciso subliñar un aspecto ben peculiar co que contará esta curtametraxe documental, referímonos a que será gravada ao 100% con dispositivos móbiles. A IPhoneography ou smartphoneography, consiste en facer calquera obra audiovisual só empregando estes compoñentes. Deste xeito, e a través dun neno e de un adulto do lugar, amosarán como esta iniciativa lles afectou aos habitantes da vila e como se levou a cabo. Chegan así en profundidade ao miolo desta historia, abranguida hai un ano con grande interese polos medios e esquecida arestora por todos. Este problema é o que retratarán nun documental estes alumnos da USC que, segundo nos apuntan, queren lembrar o sacrificio do pobo de Vilariño de Conso pola educación dos seus cativos e dar a coñecer os resultados da experiencia. Dicir que neste intre os estudantes xa se atopan na vila ourensá (dende o día 20 de outubro) e permanecerán alí até o 24 deste mes para dar a coñecer a historia e que fique inmortalizada.
Informar, por último, de que a data prevista para o remate da curtametraxe é o mes de novembro, mes no cal se levará a cabo unha estrea tanto en Vilariño de Conso coma en Compostela.

PUBLICIDADE