Este venres chega Serpes no avión, un filme codirixido pola comunidade internauta

venres, 6 de outubro do 2006 Raquel Noya

Este venres 6 estréase nas salas galegas unha película cunha longa historia previa en Internet. Trátase de Serpes no avión (tamén chamada en algúns ambientes Pacific Air Flight 121), un filme que é como é en gran parte grazas á Rede é a comunidade mundial de internautas (non nos metemos en se é bo ou malo, iso reservámolo para os críticos de cine).
Explicámonos: a primeira versión desta obra, dirixida por David R. Ellis, incluía antes da súa estrea en salas unhas boas doses de violencia, sangue e, sobre todo, verbas mal soantes desas que ceibamos cando cravamos puntas e por un despiste achatamos o dedo. Os internautas que andan á caza de novidades cinematográficas en liña souberon destes detalles e, asemade, souberon tamén da intención da produtora New Line Cinema de escamotear boa parte deses contidos, co fin de que puidese ser vista en familia nas salas, incluídos no grupo os menores de 13 anos.
Os internautas, a través de correos electrónicos de protesta, conseguiron que a produtora rectificase e deixase as cousas tal e como estaban ó principio, chegando até a deixarse aconsellar polos propios fans, que pediron que se cambiasen algunhas escenas, logo de ver o filme descargado de xeito legal (ou non) en Internet. Finalmente, o proxecto quedou en auga de fregar, posto que New Line non conseguiu nas salas dos Estados Unidos moita marxe de beneficio (33 millóns de dólares, máis ou menos o que custou). A pregunta que nos podemos facer é: que pasaría se os internautas non tivesen metido a man?

PUBLICIDADE