Este martes bota a andar un novo centro emisor de TDT na Nogais

luns, 2 de maio do 2011 Redacción

Mañá, martes, día 3 de maio, logo do remate dos traballos de instalación, comezará a funcionar o novo centro emisor de Televisión Dixital Terrestre (TDT) das Nogais, que mellorará o sinal de TDT para máis de 500 veciños da zona.
O emisor das Nogais está emprazado no alto da parroquia de Vilaicende, a máis de 800 metros de altura, e emitirá as canles autonómicas (TVG, Popular TV e V Televisión), ademais das cadeas públicas nacionais.
A Xunta de Galicia investiu máis de 50.000 euros nos equipos de telecomunicación deste centro, que financiou ao 50% co Ministerio de Industria, e asumiu a instalación da torre metálica que soporta as antenas de emisión. A posta en funcionamento deste emisor estaba prevista desde hai meses, pero se retrasou ante a necesidade de que o concello rematase a caseta e a conexión eléctrica, o que non aconteceu ata os últimos días.
Entre os cidadáns que se beneficiarán do repetidor de TDT están os 228 veciños do núcleo das Nogais, así como os das parroquias de Vilaicende e Santo André do mesmo municipio, ademais de residentes na parroquia de San Xoán de Agüeira, no concello de Becerreá.
Os veciños destas zonas que ata o de agora non vían correctamente o seu sinal de televisión deberán comprobar a orientación das súas antenas cara ao novo centro emisor, e, ademais, resintonizar os seus equipos receptores.

PUBLICIDADE