Esta semana celebrarase a terceira edición do Foro Unirede

mércores, 20 de novembro do 2013 Redacción

Carlota Román e José Manuel García durante a presentación do Foro Unirede</A>

Os vindeiros venres e sábado o Centro Sociocultural de Novagalicia Banco de Pontevedra acubillará a terceira edición do Foro Unirede dedicado ás redes sociais e á comunicación corporativa, evento que onte presentaron en sociedade o xornalista José Manuel García e a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.
Esta nova edición repártese en dúas xornadas, comezando con Unirede Emprende, encontro para emprendedores que queiran saber como aproveitar os recursos da web social para promover os seus proxectos, que repartirá as súas actividades durante todo o venres; e o chamado Foro Unirede, para un público máis xeral, e que busca xuntar aos profesionais do social media en Galicia, destacando a súa sesión de tarde por segregar ao público tematicamente para poder abordar as distintas faces que presenta este dinámico sector.
Unirede Emprende contará coa presenza de profesionais como Javier Cebreiros, Juan José Romero Crusat, Roberto Pérez Marijuán, Fidel Martín, Ruth Ríos e Christian Delgado, que impartirán relatorios e obradoiros nas áreas das que son expertos; destacando tamén unha actividade conxunta entre os autónomos Rixar García (@taxioviedo) e Alfredo Arias (@minipunk), que darán conta do proveito que tiran das canles sociais para potenciar negocios tan tradicionais como o taxi e a construción; pondo peche á xornada unha mesa redonda con experiencias de emprendedores na que participarán Laura Camino, Ecoleia e Víctor Gómez Romero.
O Foro Unirede comezará ás 9:30 horas do sábado cun relatorio sobre a presenza das marcas nas canles 2.0 impartido por Fátima Martínez; collerá o relevo o cociñeiro Pepe Solla para dar conta da relación da cociña e o 2.0; Javier Sanz contará a súa historia de éxito co blog Historias de la historia; e a sesión de mañá completarase cunha serie de experiencias nos sectores da moda, o turismo e a gastronomía.
A sesión vespertina abrirá con experiencias como o proxecto 4gotas.com, presentado por Bea Hervella e pechará con Diego Pons, quen falará do seu proxecto Viajando con Diego, quedando no medio os mencionados obradoiros sectoriais paralelos, que este ano abordarán tres temáticas distintas. Por unha banda Marcus Fernández (Código Cero), Fernando Rodríguez (Briefing Galego), Manuel Bustabad (Expreso.info), Laura Camino e David Serantes conversarán sobre Comunicación e Tecnoloxía; Alberto Seoane, Alicia Gil, Pilar Castro, Noco Complementos, Paula Deiros, Keiko Model e Be Trendy conformarán o taller sobre Moda; e Equipaxe de Man, Edurne Baines (Vivir Galicia), Jorge Guitián, Anna Mayer, Víctor Blanco (O Bandullo), Artemar e Visit Pontevedra intercambiarán comentarios baixo a moderación de José Manuel García (Come e Fala).
Aínda é posible inscribirse a estes encontros a través de Ticketea.

PUBLICIDADE