Espoiler.tv axuda a seguir series de televisión norteamericanas

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Hernán Casciari sorprendeu a moitos co seu blog na web de El País por falar sen pelos na lingua sobre a descarga de series de televisión a través da Internet, e agora quere levar esa experiencia un paso máis adiante, e estrea Espoiler.tv, unha base de datos en español que pretende cubrir o novo xeito de ver televisión que permite a Internet e as descargas a través de BitTorrent.
A nova web inclúe un calendario cos capítulos que se van emitir na presente semana nos EE.UU., así como información para axudar na descarga dos mesmos e os seus correspondentes subtítulos. Aparte, a información tamén se pode consultar serie a serie, pois conta cunha completa base de datos na que se recollen as listaxes de episodios das series dos últimos anos, así como a súa sinopse, a listaxe de personaxes e un corte de vídeo para poder botar unha ollada ás series sen ter que descargar ningún capítulo.
Este novo espazo non substitúe a outras fontes de información coñecida, pero resulta moi práctico por contar cuns contidos claros e ben organizados, o que agradecerán moitos usuarios que se perden especialmente por mor dos intermitentes calendarios das series de televisión ao outro lado do Atlántico.
Espoiler.tv aínda está en fase de probas, e nos vindeiros días irá incorporando funcións coma fluxos RSS, que facilitarán o seguimento dos seus contidos regularmente.

PUBLICIDADE