Especialistas internacionais en neurociencia e computación afianzan ligazóns en Santiago

martes, 23 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Fotografía tomada por Santi Alvite da inauguración do encontro esta mañá

Non é casual que as neuronas e o seu intrincado funcionamento teñan puntos en común coa computación. Os ordenadores e as grandes operacións de cálculo que estes realizan son un exemplo máis de como a tecnoloxía se inspira no que existía xa antes dela, neste caso o noso cerebro. A cuestión non se estanca nunha ruela sen saída nin nun beneficio de sentido único: arestora é abondo rico o abano de interrelacións entre a neurociencia (disciplina que estuda a estrutura e as funcións do noso sistema nervioso) e a computación. Así nolo fan saber estes días os investigadores reunidos no congreso internacional IWINAC 2009 que se está a celebrar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, evento que nesta edición se dedica á memoria do profesor José Mira, falecido o verán pasado.
Segundo conta a Universidade, o encontro inaugurouse hoxe mesmo nun acto oficial no que, entre outras, fíxose entrega in memorian da medalla de ouro da cidade a José Mira, académico e investigador responsable de todo tipo de traballos sobre o comportamento humano e a enxeñería do coñecemento.
Amais da neourocienca computacional, no congreso estanse a tratar cuestións como a computación bioinspirada e outras formas de computación natural. Como dixemos, trátase basicamente nun labor de rastrexo de vías de comunicación entre o tecnolóxico e o que xa existía antes do tecnolóxico e que, a menos que se demostre o contrario, é infinitamente máis complexo e misterioso có feito polo home.
En certa maneira e por dicilo dun xeito que bote luz sobre estas cuestións, o encontro xira arredor de dúas cuestións. Primeira: os beneficios que pode achegar para a investigación de nós mesmos a propia computación, a fin de contas un xeito de facer máis claro e esquemático o complexo (nós). Segunda: as vantaxes que poden ofrecer o noso sistema nervioso e os comportamentos cerebrais e físicos para o desenvolvemento de novos conceptos, mecanismos e materiais que sirvan para mellorar a nosa calidade de vida.
Para tratar estas e outras cuestións, a xuntanza conta con científicos dos máis variados recantos do mundo: Estados Unidos, Inglaterra, Francia, Alemaña, Holanda, China Xapón, Suíza, Brasil, Chile e España. Segundo informa a USC, cómpre salientar nestes grupos unha nutrida presenza de especialistas en intelixencia artificial, un eido de investigación que é, por así dicilo, o espazo por excelencia onde se xuntan os devanditos ríos: a neurociencia e a computación.

PUBLICIDADE