España será o país protagonista da vindeira feira internacional CeBIT

mércores, 6 de maio do 2009 Raquel Noya

A organización de CeBIT, a feira internacional do sector TIC máis importante do mundo que se celebra anualmente en Hannover (Alemaña), vén de convidar a España, a través dunha carta remitida ao ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, a ser o Partner Country (“País protagonista”) da edición do vindeiro ano 2010.
Segundo aseguran os responsables da devandita entidade, España foi escollida “polo seu espectacular desenvolvemento nos últimos anos no ámbito da Sociedade da Información”, o que significa que a elección de España como “país protagonista” supón un recoñecemento sen igual aos logros do Plan Avanza dende a súa posta en marcha ata hoxe así como ás novas perspectivas que incorpora o Plan Avanza2 de cara ao futuro.
O Partner Country de cada edición de CeBIT adoita ter, segundo afirma a organización, un papel protagonista nesta feira internacional, e a súa participación concrétase na instalación dun pabillón nacional, na presenza dun alto número de empresas e na organización dun ciclo de conferencias de alto nivel, entre outros aspectos. Ata o momento, a organización de CeBIT seleccionou como Partner Country a Rusia no 2007, a Francia no 2008 e ao Estado de California no 2009.
Esta feira, que é o evento do sector TIC con maior repercusión no mundo, diríxese principalmente a profesionais do sector, aínda que nos últimos dous días está aberta ao gran público.
Na pasada edición, celebrada entre o 3 e o 8 de marzo deste ano, a cita reuniu a máis de 4.300 compañías expositoras de 69 países, que ocuparon 27 pabillóns aos que se achegaron máis de 400.000 visitantes de 150 países.

PUBLICIDADE