Erbe recupera as aventuras gráficas de Mortadelo e Filemón

xoves, 23 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que as aventuras gráficas de Mortadelo e Filemón nunca destacasen pola súa calidade, son uns produtos que moitos quererán lembrar por mor do recente pasamento do seu creador, Francisco Ibáñez, e por iso Erbe Software anunciou nunha retransmisión a través de YouTube o relanzamento en Steam dos títulos que actualmente non estaba dispoñibles para a súa compra.
O Erbe Software Showcase 2023 foi unha presentación guionizada por ChatGPT e narrada por un avatar co aspecto humano creado coa tecnoloxía de HeyGen, na que se anunciou o calendario de relanzamento de varios xogos de Mortadelo e Filemón: El Escarabajo de Cleopatra (22 de decembro), La Sexta Secta (29 de decembro), Dos vaqueros chapuceros (5 de xaneiro), Terror, Espanto y Pavor (12 de xaneiro), Balones y Patadones (19 de xaneiro) e Mamelucos a la Romana (26 de xaneiro).
Os máis completistas poden aproveitar que os anteriores xogos de Mortadelo e Filemón (Una aventura de cine, El sulfato atómico, La banda de Corvino e Operación Moscú) están actualmente á venda con importantes descontos.
Queda fóra deste relanzamento o título Mortadelo y Filemón: La Máquina Meteoroloca, en vez de ser obra de Alcachofa Soft está asinado por VEGA, o que probablemente dificulta a súa reedición.
Antes destas aventuras gráficas tamén houbo videoxogos destes personaxes para ordenadores de 8 bits, como Mortadelo y Filemón (1988) e Mortadelo y Filemón II (1990) editados por Dro Soft.

Vídeo no que anuncian o relanzamento das vellas aventuras gráficas de Mortadelo e Filemón

PUBLICIDADE