Epic agasalla a última triloxía de Tomb Raider

xoves, 30 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Dende o pasado día 16 a Epic Games Store está a agasallar aos seus usuarios con atractivos videoxogos que van renovando cada poucos días, así como cupóns de desconto de 10 euros para xogos completos que custen máis de 14,99 euros. Pero a despedida desta promoción de Nadal faise por todo o alto, ofrecendo de balde os xogos Tomb Raider GOTY Edition, Rise of the Tomb Raider: Edición 20 aniversario e Shadow of the Tomb Raider: Definitive Edition, ou sexa, a última triloxía protagonizada por Lara Croft, incluíndo as correspondentes expansións.
Os usuarios da tenda de xogos para PC de Epic Games poderán reclamar estes xogos de balde até o 6 de xaneiro, polo que podemos ver esta promoción como un agasallo dos Reis Magos, aínda que o propio Día de Reis tamén haberá outro título interesante que poderá descargarse de balde: Gods Will Fall.
No momento de escribir estas liñas a Epic Games Store presentaba problemas de funcionamento, o que podemos entender como consecuencia da promoción de Tomb Raider, que de seguro que disparou os accesos de xogadores que queren incorporar a triloxía desenvolvida por Crystal Dynamics á súa colección dixital.

PUBLICIDADE