Entra na recta final o prazo para participar no Fiadeiro de tradución de software libre

mércores, 11 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Xuntos para traducir ao galego programas abertos e, de paso, divulgar as vantaxes deste traballo e preparar o camiño para outras achegas colectivas. Este é o alicerce das sesións de localización de software libre que leva anos organizándose ao acubillo da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, os chamados Fiadeiros dos que xa temos falado polo miúdo en Código Cero, na súa edición 2010 ou na de 2011. Este novo encontro, o IV ETSE Open de SL, así se lle coñece tamén, vén da man da Comisión de Normalización Lingüística da Escola, do Servizo de Normalización Lingüística da USC e do Proxecto Trasno. Segundo se informa esta semana, de querermos participar neste evento cómpre que teñamos en conta que o prazo remata este domingo 15 de abril.
Nesta ocasión, a organización do IV ETSE Open de SL proponse como obxectivo verter ao galego o editor de HTML BlueGriffon, o subtitulador de vídeos Universal Subtitles e a axuda de parte do Libre Office, o paquete ofimático de código aberto (de balde e a día de hoxe xa localizado ao galego) desenvolvida por The Document Foundation como unha bifurcación de OpenOffice. Todo se fará en tres sesións, os días 19, 26 e 28 de abril. Destas xornadas, dúas serán de formación para metérmonos de cheo no proceso de tradución (19 e 26 de abril) e unha delas, a derradeira, servirá para a localización e o lecer propiamente ditos, o sábado 28 de abril a partir das 10.00 horas.
A tradución destas aplicacións faranas as persoas asistentes ao Fiadeiro, que logo da fase de preparación traballarán no miolo do labor por parellas, a cada unha das cales se lle encomendará unha aplicación, e para iso contarán co asesoramento dos profesores do Fiadeiro, Antón Méixome e Enrique Estévez. Nesa xornada práctica partillarán ademais un lixeiro xantar, música e algunha proposta de lecer.
Os obxectivos desta actividade son, unha vez máis, fornecer formación técnica para a tradución de programas abertos á nosa lingua, contar con ferramentas que se integren na Universidade de Santiago, impulsar a comunidade universitaria de localización e reivindicar o galego e máis o coñecemento e o uso do software libre.
Ademais do recoñecemento de créditos, do diploma de asistencia (por 15 horas), de constancia da experiencia de tradución, hai un premio á parella que máis cadeas traduza e con maior calidade.
O IV ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre está aberto a toda a comunidade universitaria da USC: alumnado, PDI e PAS.
Desenvolvemento da xornada de localización (28 de abril)
Como dixemos, a localización farase por parellas, ás que se lles achegará o material e un ordenador coas ferramentas necesarias e conexión a Internet. Encomendaráselles unha aplicación ou un conxunto de cadeas para traducir a cada parella, das seguintes:
· Universal Subtitles. Unha aplicación en liña para subtitular vídeos (9092 palabras).
· Axuda en liña do Impress de Libre Office (14 pequenas páxinas con 250 palabras cada unha).
· BlueGriffon. Editor de html e páxinas web, herdeiro da familia de editores de Mozilla como Kompozer, NVU, etc.(6000 palabras).
O profesorado, informa a organización, estará dispoñíbel durante toda a xornada de localización para resolver dúbidas. E engádese sobre o desenvolvemento do día de traballo: “Dado que se trata dunha actividade continuada desde as 10 ata as 19 horas, haberá petiscos, bebidas e música para facer descansos a media mañá e a media tarde; haberá tamén un lixeiro xantar común ofrecido pola organización”.
O coordinador académico da actividade será Xosé Manuel Pardo López, profesor titular do Departamento de Electrónica e Computación. Tamén se contará con Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla e membro do Proxecto Trasno, e con Antón Méixome, lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice e membro do Proxecto Trasno.
Para máis información sobre a actividade, cómpre que nos poñamos en contacto co Servizo de Normalización Lingüística.

PUBLICIDADE