Enma Pino, nova incorporación á base de datos da nosa historia: o Álbum de Galicia

mércores, 28 de abril do 2021 S. P.

O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas, enfía a recta final deste mes de abril cunha nova incorporación. En concreto, a da pianista e compositora Enma Pino (Tui 1958 - Vigo 2014), un dos nosos grandes talentos musicais das pasadas décadas. A biografía Pino incorpórase á dita web cando se cumpre o sétimo cabodano do seu falecemento.
Enma Pino tivo vocación temperá, xa que dende moi nena gabeaba polo piano para tocalo a todas horas. Estudou ballet e estudos de música en Vigo e, máis tarde, casou co tamén artista Antón Reixa, líder de Os Resentidos. Pasa a formar parte do Grupo de Comunicación Poética Rompente, con Alberto Avendaño e Manolo Romón, no que colabora tamén Antón Patiño e Menchu Lamas.
Trala súa separación, deixa Galicia e instálase en Barcelona para estudar jazz no mítico Taller de Músics, onde se forma en piano, linguaxe musical, harmonía e combo. Pino convértese na única muller instrumentista matriculada. Regresa en 1985 e inicia unha sólida traxectoria profesional en diferentes ámbitos, desde a TVG, ata a dirección musical do primeiro concerto de mulleres en Galicia, pasando por numerosas colaboracións e propostas musicais.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

PUBLICIDADE