En marcha unha web para impulsar a sustentabilidade nos concellos: a páxina Mellor reparar que tirar
venres, 22 de maio do 2020
Esta
semana púxose en marcha unha nova páxina web galega que quere ser
un referente de sustentabilidade e economía circular: unha fronte
informativa e activa contra a cultura de usar e desbotar materiais e
produtos que impón unha parte da sociedade de consumo. Estamos a
falar da páxina Mellor
reparar que tirar, posta en marcha pola Consellería de Medio
Ambiente para “impulsar a colaboración entre as entidades locais e
os axentes económicos e sociais para intercambiar coñecementos e
contribuír a reparación e reutilización de materiais”. Trátase,
sinalan, “dun novo pulo á Rede Galega de PxR”, ou sexa, á Rede
Galega de Previr para Reciclar.
Dende
ela, farase un convite xeral (á par que específico) a todas as
entidades locais galegas para pór en marcha proxectos de preparación
para a reutilización e reparación na súa localidade, achegándolles
os recursos para facelo e máis unha canle de divulgación, a través
da devandita páxina web, que tamén é unha ferramenta de busca de
colaboradores e sinerxías. Segundo informa Medio Ambiente, “trátase
dun espazo multidireccional posto que, ademais das iniciativas
municipais, todas as entidade interesadas poderán publicar as súas
ideas e proxectos”.
Amais
deste recurso web, a consellería convocou unha liña de axudas para
fomentar a activación de iniciativas de prevención da xeración de
residuos. Tratase dunha orde de axudas dirixida a entidades locais e
agrupacións de entidades de Galicia, cunha dotación de máis de 4
millóns de euros, para o desenvolvemento de actuacións en materia
de xestión de residuos municipais, entre as que destaca a creación
e/ou a adaptación de espazos municipais destinados á preparación
para a reutilización de materiais; actuacións que poden conseguir
ata o 100% de financiamento.
Segundo
lembra Medio Ambiente, este tipo de iniciativas teñen xa un
referente galego no concello de Valga, en Pontevedra, onde o Centro
Ocupacional de Discapacitados (CODI) converteuse nun espazo municipal
de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros materiais,
coa habilitación tamén de obradoiros formativos e de
sensibilización para a cidadanía.