En marcha unha nova web sobre achados galegos en innovación, Ganadores.gal

luns, 10 de abril do 2017 Redacción

Quen queira obter datos concretos sobre os nosos fitos en innovación, acadando nomes propios de proxectos e aplicacións especificas dos mesmos, xa pode facelo estea onde estea e en calquera intre do día. Isto será posíbel grazas á plataforma web Con G de Ganadores, accesíbel en www.ganadores.gal, nova web posta en marcha pola Consellería de Economía a través de GAIN.
Segundo informa a axencia, a plataforma dará acubillo á publicación, cada dúas semanas, dun percorrido pormenorizado pola historia dun proxecto de I+D galego. Acompañarase a documentación “cunha linguaxe sinxela e acompañada de material gráfico que ilustre o contido”, sinala a Consellería.
Os principais obxectivos desta nova canle de comunicación da Consellería son “estender a cultura da innovación á sociedade galega no seu conxunto, así como a aquelas empresas que están máis afastadas do Sistema Galego de Innovación, a través de exemplos prácticos de empresas e centros de coñecemento que están a desenvolver proxectos de I+D+i con resultados positivos”. Ademais, a nova plataforma “busca recoñecer o labor destes axentes no desenvolvemento económico e o benestar social da nosa Comunidade”.

PUBLICIDADE