En marcha unha nova rede de investigación tecnolóxico-lingüística formada por grupos da USC e a UVigo

martes, 20 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

O CiTIUS, centro de investigación da Universidade de Santiago, acolleu este luns a posta en marcha da rede Tecnoloxías e análise de datos lingüísticos. A andaina deste novo grupo de I+D deu comezo coa primeira xeira de traballo das/os súas/seus integrantes, celebrada no salón de actos do CiTIUS. A rede conta co pulo dun equipo de investigadores pertencentes ao Instituto da Lingua Galega da USC, sendo o seu obxectivo fundamental, neste novo labor, procurar o aproveitamento de sinerxías de traballo entre os diferentes eidos do coñecemento. A rede está integrada por seis grupos de I+D dos sectores lingüístico, informático e estatístico. A xeira deste luns abriuse cunha introdución a cargo da investigadora Rosario Álvarez Blanco, previa á presentación dos proxectos da rede propiamente dita.
A primeira parte da sesión, informa o CiTIUS, estruturouse en catro intervencións de media hora, dedicándose 20 minutos á exposición de cada proxecto e 10 ás intervencións e comentarios dos investigadores. Na primeira delas, Elisa Fernández Rei falou dos Estudos perceptivos da entoación dialectal; en segunda quenda, Xosé Luís Regueira presentou CORILGA: transcrición e etiquetaxe; pola súa banda, Xulio Sousa introduciu a Xeografía Lingüística, mentres que Xavier Gómez Guinovart pechou esta primeira parte da reunión de traballo disertando sobre Galnet: o Wordnet do Galego.
A segunda parte da sesión, engade o centro da USC, reservouse integramente á posta en común. As liñas de traballo desenvolvidas nesta primeira xuntanza de traballo xiraron arredor, sobre todo, de cuestións organizativas, “amais de en fundamentar as liñas de actuación da rede cara ao futuro”, sinálase.
Proposta coma unha alianza estratéxica apoiada directamente na cooperación interdicisciplinar, a rede conta, como dixemos, coa participación de distintos grupos de investigación das universidades de Santiago (USC) e Vigo (UVIGO). Pola banda das TIC, o CiTIUS está representado polos grupos de investigación COGRADE (Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos) e GSI (Grupo de Sistemas Intelixentes). A Universidade de Vigo concorre neste eido TIC co Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM-UVIGO), pertencente ó Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións.
O sector de Lingüística complétase co grupo TALG (Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega, da Uvigo). A rede compleméntase co grupo de estatística MODESTYA (Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións, da USC).

PUBLICIDADE