En marcha un portal informativo sobre a oferta e a demanda de equipos de protección anti-COVID

mércores, 22 de abril do 2020 S. P.

O Ministerio de Industria e a Cámara de España veñen de pór en marcha un portal informativo de oferta e demanda de equipos de protección persoal. A través do sitio todosprotegidos.camara.es, as empresas fabricantes e/ou distribuidoras poderán informar dos produtos que ofertan, así como da súa capacidade de produción e/ou distribución e os prazos de entrega estimados. Pola súa banda, as empresas demandantes destes elementos terán marxe para informar das súas necesidades en cada momento. “O obxectivo é facilitar o abastecemento de produtos sanitarios”, informou a Cámara de Santiago, que tamén colabora na iniciativa.
Os equipamentos arredor do que xirará o portal serán os seguintes: máscaras, luvas, protectores visuais, batas e solucións hidroalcohólicas.
Para o secretario xeral de Industria e da Peme, Raúl Blanco, “o obxectivo desta iniciativa é facilitar o abastecemento deste tipo de produtos, sobre todo a pequenas e medianas empresas, para facilitar o seu regreso á actividade”.
Pola súa banda, o presidente da Cámara de España. José Luis Bonet, subliñou que “a través deste portal as empresas poderán consultar e acceder de forma gratuíta a información útil sobre oferta e demanda de elementos de protección”.
O portal inclúe entre outros recursos relevantes un mapa interactivo con información agregada do número de oferentes e demandantes en cada unha das provincias e cidades autónomas.
As empresas poderán acceder así mesmo a toda a información publicada pola Secretaría Xeral de Industria e Peme relacionada coas especificacións técnicas requiridas para a fabricación de elementos e equipos de protección persoal.

PUBLICIDADE