En 2009 sairá un xogo baseado nos comics de Batman

mércores, 13 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O novo xogo de Batman inspira 2 portadas do vindeiro número de Game Informer

Coa chegada da película El Caballero Oscuro aos cines españois tamén chega o anuncio de que Eidos distribuirá un novo videoxogo de Batman do que falarán no vindeiro número da revista Game Informer.
Batman: Arkham Asylum está a ser desenvolvido polos Estudos Rocksteady, que nun principio parece que sería un título baseado nos comics de Batman, o que non impediría que a finais de ano tamén aparecese un rumoreado xogo da película que actualmente está en carteleira (¿coincidindo coa súa saída en DVD e Blu-ray?) xa que os dereitos das adaptacións dos comics e das películas de Batman aos videoxogos están en mans de distintas compañías.
O xogo de Eidos estaría baseado nunha historia de Paul Dini (un dos guionistas máis importantes da serie de animación de Batman ilustrada por Bruce Timm, e para a que creou ao personaxe de Harley Quinn) ambientada no manicomio de Arkham baixo o control do Joker, malvado que contará coa axuda de Riddler, Mr. Freeze, o Pingüín, Killer Croc, Zsasz, o Espantallo, Poison Ivy, a mencionada Harley Quinn e outros personaxes coñecidos do cómic para facer a vida imposible ao home-morcego (que tamén contará coa axuda co comisario Gordon e a súa filla, Oráculo).
Respectando o espírito do cómic, o xogo non sería de loita (aínda que contaría con escenas de acción), senón que aproveitaría a cara detectivesca do gardián de Gotham, quen deberá investigar e resolver puzzles. O motor gráfico do xogo será Unreal Engine 3, e a meirande parte do tempo se amosará dende unha perspectiva sobre os ombros.
Este novo título sairá ao mercado durante 2009 para PC, Xbox 360 e PlayStation 3.

PUBLICIDADE