Emprego e a Fundación Ronsel impulsan unha nova edición das súas rutas xacobeas emprendedoras e innovadoras

martes, 12 de abril do 2022 S. P.

A Consellería de Emprego e a Fundación Ronsel presesentaron este luns 11 en Ourense unha nova edición do proxecto Galicia Camiño Emprendedor, destinado a impulsar o talento emprendedor na nosa terra cunha proposta itinerante de mentoring vencellada á rede xacobea. A nova edición deste programa innovador será posíbel grazas a un acordo entre a Consellería de Emprego, a Axencia Turismo de Galicia e a Fundación Ronsel. Arrincará os vindeiros días 26 e 27 de abril polo Camiño Francés; e en xuño recalará unha vez máis en Ourense, a través da Vía da Prata, ruta Xacobea na que Ourense é a porta de entrada.
En total, realizaranse unha ducia de treitos de mentoring e innovación tecnolóxica. De feito, 12 etapas, 12 retos é o lema escollido para esta nova convocatoria, nas que os participantes poderán mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar cadanseus modelos de negocio e elaboraren un novo plan de acción. Nesta edición está prevista a participación dunhas 200 persoas entre emprendedores e mentores.
Os retos que se propoñen acadar nesta ocasión están en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS). O obxectivo, segundo fixo saber a conselleíra de Emprego, María José Lorenzana, é “difundir estes retos e convidar aos participantes a integrar polo menos un deles nos seus obxectivos empresariais”. O programa rematará en decembro en Santiago de Compostela, “coincidindo coa capitalidade da economía social que este ano ostenta a cidade galega”, explicou, engadindo que o proceso de mentoring é “a clave deste programa que supón unha fórmula multiplicadora do talento que cimenta unha Galicia máis capacitada e cohesionada, na que o intercambio de experiencias profesionais e vitais contribúan a facer do emprendemento unha forza impulsora en Galicia”.


PUBLICIDADE