Emilio Duró participará na tarde do venres nunha charla organizada polo CPEIG en Compostela

xoves, 26 de maio do 2011 Redacción

Emilio Duró participará nas charlas organizadas polo CPEIG

Este venres ás 6 da tarde na Facultade de Ciencias de Comunicación en Santiago de Compostela botará a andar o Ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) cun relatorio de Enrique Duró, profesor que acadou grande repercusión na Rede grazas á forza das súas charlas e polas súas aparicións televisivas, que falará sobre A xestión da ilusión e o coeficiente de optimismo en épocas de cambio.
Licenciado en Ciencias Económicas e Master en Administración de Empresas pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE), Duró dedica parte do seu tempo ao estudo da aprendizaxe en idades temperás e, mediante experiencias e anécdotas, adoita demostrar que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si, en cambio, ao desenvolvemento emocional.

Luis Huete pechará o ciclo de conferencias o 18 de xuño

O ciclo de charlas completarano Enrique Dans e Luis Huete, e xa na páxina web do CPEIG xa está dispoñible o formulario de inscrición a todas ou cada un dos relatorios que terán lugar os días 27 de maio e 10 e 18 de xuño.
A intervención de Enrique Dans o día 10 de xuño no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago leva por título Novos escenarios tecnolóxicos: poñéndonos as pilas.; mentres que Luis Huete pronunciará a súa charla o día 18 de xuño, baixo o epígrafe Transformando organización ao ritmo dos mercados.
Este ciclo de charlas, programado en colaboración coa Xunta de Galicia, está dirixido a complementar os coñecementos técnicos dos executivos de empresas e de todas aquelas persoas que participan en organizacións coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida mediante a potenciación das aptitudes fundamentais, a través da consideración do capital humano como recurso na procura de vantaxes competitivas.

PUBLICIDADE