Eganet convida ás tres formacións políticas a participar nos seus Almorzos TIC

luns, 9 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) vén de anunciar que pon a disposición das tres formacións políticas con representación no Parlamento galego un foro onde informar do proxecto de cada partido para a Sociedade da Información.
Con este fin, a presidenta de Eganet, Beatriz Legerén, vén de remitirlles ao Partido Socialista de Galicia, ao Bloque Nacionalista Galego e ao Partido Popular de Galicia, un convite dirixido ao candidato e aos responsables de novas tecnoloxías para participar nos Almorzos TIC.
Estas actividades de debate nacen como espazo de encontro e no que as empresas asociadas a Eganet coñecerán de primeira man as propostas en materia de novas tecnoloxías que inclúen nos seus programas electorais as tres forzas políticas maioritarias en Galicia, así como a súa estratexia de desenvolvemento na próxima lexislatura. O obxectivo é que os profesionais do sector debatan e realicen achegas ás propostas presentadas.
Con esta iniciativa, a patronal das empresas TIC galegas quere avanzar na representación e defensa dos intereses de entidades empresariais que conforman o corazón das novas tecnoloxías. Na actualidade, Eganet suma case medio cento de empresas asociadas, que centran a súa actividade na Internet e medios en liña; na comunicación interactiva en novos medios; na consultaría e asesoramento TIC; na conectividade e integración de sistemas e no desenvolvemento de software.

PUBLICIDADE