Educación convoca axudas para mellorar a produción científica galega

mércores, 27 de agosto do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado luns, unha liña de axudas, no marco do Programa de Consolidación e Estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), destinadas a mellorar a calidade da produción científica galega.
Este programa, que leva convocándose dende o 2006, potencia a organización competitiva dos grupos de I+D universitarios e a dotación dos recursos necesarios para propiciar un salto significativo na calidade da súa produción científica e no alcance e impacto dos seus resultados.
O Programa de Consolidación e Estruturación de unidades de investigación competitivas, enmarcado nas accións do Plan INCITE (Plan Galego de I+D+i), persegue un dobre resultado: dunha banda, contribuír á ordenación e consolidación dos recursos e actividade investigadora das universidades e, por outra, promover unha máis efectiva presenza e impacto da investigación universitaria no conxunto do Sistema Galego de Innovación.
Asemade, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á Investigación no SUG, polo que as axudas terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de xeito que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.
A orde de convocatoria, dotada dun orzamento de 6 millóns de euros a distribuír en catro anualidades, establece catro modalidades de axudas: a agrupacións estratéxicas de grupos de investigación, destinadas ás tres universidades galegas; a grupos de referencia competitiva pola súa actividade de investigación, dirixidas aos grupos de investigación das universidades galegas; a grupos emerxentes, destinadas aos investigadores mozos que acrediten a súa pertenza ao SUG; e a redes de investigación, que son axudas a grupos de investigación para potenciar a colaboración sobre a base da complementariedade e a integración de capacidades de grupos de investigación do SUG.
O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais contados a partir de onte martes, 26 de agosto.

PUBLICIDADE