Educación aposta polo software libre para a súa plataforma de correo electrónico

martes, 3 de marzo do 2009 Raquel Noya

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vén de facer pública a intención de migrar a súa plataforma de correo electrónico corporativo a unha arquitectura baseada en software libre, para o que publicou o anuncio de licitación por procedemento aberto e tramitación ordinaria para a contratación do servizo no DOG do pasado 23 de febreiro, onde se recollen as bases da resolución.
Así o recolle a web de Mancomún, onde destacan que tódolos desenvolvementos realizados pola empresa licitadora para a ejecución do servizo “deberán ter unha licenza compatible coa GPL e recoñecida pola FSF”.
Asemade, Mancomun.org recolle que os desenvolvementos incorporados que sexan realizados por terceiros “deberán ser tamén unha licenza libre, aínda que neste caso admítese calquera das licenzas recoñecidas pola FSF ou pola OSI”.
As empresas ou entidades interesadas en levar a cabo esta migración deberán entregar toda a documentación que se require no anuncio do DOG así como unha licenza de documentación libre recoñecida pola FSF e en formato ODF (OASIS Open Document Format, norma ISO/IEC 26300).
Mancomún tamén achega as características que debe ter o servizo licitado e que son, entre outras, as seguintes: a migración da plataforma actual de correo sen perda de información asociada ás contas de correo electrónico existentes; a integración dun sistema de listas de distribución, dun sistema de notificación contra o spam (ambos integrados na interface web do correo que deberá cumprir o estándar WAI-AA da W3C); a integración dun mecanismo de copias de seguranza para o sistema e as caixas de correo; a instalación, configuración e parametrización da solución dentro do hardware proporcionado pola Consellería; a formación ao persoal que designe a Consellería na arquitectura; a parametrización e explotación do novo sistema de correo implantado e o servizo de soporte técnico a partir da posta en produción do sistema e durante un período de 2 anos.
O orzamento base de licitación asignado é de 200.000 euros e o prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 10 de marzo de 2009.
Os pregos de cláusulas administrativas e condicións técnicas pódense consultar na web de licitacións da Xunta.

PUBLICIDADE