Edisa potencia a funcionalidade CRM do seu software Libra

mércores, 28 de outubro do 2015 Redacción

Edisa deu a coñecer os días pasados unha das novas funcionalidades do seu software de xestión empresarial Libra. Trátase dunha mellora na vertente CRM (xestión da comunicación cos clientes) de Libra e, máis polo miúdo, dunha ampliación da marxe de manobra do seu módulo Galilelo, que foi obxecto dunha integración con Baïkal, servidor de cartóns de contacto (cardav) e eventos de calendario (caldav). Baïkal, sinala Edisa, permite manter sincronizados os calendarios e tarxeteiros de contactos “cunha gran variedade de aplicacións”, entre as que se inclúen dispositivos Android, iOs, MacOs, Linux, Windows e aplicacións como Thunderbird.
Segundo engade a empresa galega sobre o xeito de operar da nova funcionalidade, para a integración de cartóns de visita podemos definir en Libra unha serie de tarxeteiros e asociar estes cos xeradores de informes que os van a alimentar. “Desta forma”, explica Edisa, “podemos personalizar de que sitio de Libra extraemos a información que queremos converter en cartóns de visita”. E engade: “Esta funcionalidade vainos permitir manter sincronizados contactos de Libra con dispositivos móbiles”. Estes contactos poden ser clientes, provedores, etc.
Para Edisa, a incorporación desta novidade potencia enormemente a funcionalidade da xestión da comunicación con clientes de Libra. Como lembraremos, a plataforma estrela de Edisa foi recentemente obxecto dunha importante remodelación e actualización. A nova versión, a número 6, foi presentada ante 150 profesionais pola propia empresa, que fixo fincapé nalgúns dos seus principais puntos diferenciais: optimiza a explotación de datos, a automatización de procesos, as posibilidades na nube e a mobilidade tanto cos seus clientes como cos seus provedores (incorporando as ferramentas máis avanzadas desenvolvidas polo socio tecnolóxico Oracle).

PUBLICIDADE