EGANET e Caixa Galicia unen forzas para rachar coa fenda dixital

luns, 1 de febreiro do 2010 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e Caixa Galicia, veñen de reunirse esta mesma mañá para tratar de chegar a un acordo de colaboración e contribuír xuntos ao obxectivo común de desenvolver o sector TIC galego, difundir a sociedade da información e reducir a fenda dixital existente no noso país, tres metas que, de telas acadado, mellorarán considerablemente o día a día de tódolos galegos e galegas.
A xuntanza concluíu coa sinatura dun convenio por parte de Beatriz Legerén, presidenta de EGANET, e Marcelino Fernández Mallo, director de Banca Virtual de Caixa Galicia, que se comprometeron para, entre outras cousas, rachar coa fenda dixital existente entre o interior e a costa do noso país, no Centro On de Caixa Galicia en Santiago.
Mediante este convenio, Caixa Galicia pon a disposición de EGANET a súa rede de infraestruturas, acondicionadas para acoller eventos relacionados coa promoción da sociedade da información e a industria TIC, algo que, segundo explicou a presidenta de EGANET, iso significa “a posta a disposición do tecido TIC galego de locais nas sete cidades galegas cun aforo conxunto que se aproxima ás 2.000 prazas”.
Asemade, a través da Oficina Virtual On Caixa Galicia, a entidade ofreceralles ás empresas socias de EGANET unha oferta financeira en condicións especiais que se recollerá nunha páxina web personalizada e específica e que dará acceso á contratación dos distintos produtos e servizos incluídos na oferta. A este respecto, Beatriz Legerén agradeceu o apoio da caixa galega ás empresas TIC, que precisan, segundo dixo, “do respaldo bancario para levar a bo porto os seus proxectos coma o resto do tecido industrial”. A presidenta de EGANET recoñeceu que o sector TIC é un sector “complexo, que aínda non se fixo accesible á sociedade”, e achegou o compromiso de avanzar nesta tarefa, xa que, apuntou, as TIC son “imprescindibles para o desenvolvemento do resto de sectores de actividade e para a mellora global da economía”.
Pola parte da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, o convenio establece o compromiso de publicitar a través da web e do resto de medios ao alcance de EGANET a sinatura deste convenio, así como manter un enlace permanente á web personalizada, á que se accederá a través de contrasinal. A presidenta de EGANET agradeceu a disposición de Caixa Galicia a colaborar co sector TIC e reiterou o compromiso da Asociación de aproveitar os medios facilitados pola entidade para avanzar na mellora competitiva do sector e de achegar as TIC á sociedade, obxectivo xa fixado nos estatutos da asociación.

PUBLICIDADE