Dygra presenta un certame en liña para profesionais das 3D

martes, 21 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Os estudos galegos Dygra Films veñen de lanzar un certame con feitura 2.0. Máis polo miúdo, trátase de conseguir para os seus produtos algo semellante ao que conseguen determinadas plataformas dixitais participativas: ideas e talentos de fóra concorrendo cos propios. De feito, o concurso en liña que presenta Dygra permitiríalles aos animadores 3D incorporar mostras dos seus traballos no filme Holy Night!, a cuarta longametraxe da produtora galega. O certame, que ficará aberto até o 31 de xaneiro, consiste nunha convocatoria colectiva de traballos con especificacións concretas: deberán ter unha duración de entre 15 e 20 segundos e nelas terase que dar vida ás ovellas do rabaño de Sara, unha das protagonistas do devandito filme.
Cada participante poderá achegar tantas animacións como queira, todas entrarán no concurso, cuxo resultado darase a coñecer a mediados de febreiro. As/os gañadoras/es verán recompensado o seu traballo coa inclusión dos seus respectivos traballos e os seus nomes nos créditos da película, que por certo xa rematou a fase de produción e ten prevista a súa estrea para o Nadal de 2011. “As redes sociais”, informa Dygra, “serán un vehículo importante para dinamizar o evento, que se divulgará a través de distintas canles, como por exemplo o blog The3DChallenge ou os espazos do selo galego en Facebook, Twitter e YouTube.

PUBLICIDADE