Ducias de investigadores en supercomputación reúnense hoxe no Campus Sur de Santiago

luns, 29 de setembro do 2008 Raquel Noya

Dende as 9:00 horas desta mesma mañá, no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Santiago de Compostela (Campus Sur), estase a celebrar un Workshop sobre Aplicacións da Supercomputación, organizado pola Rede Galega de Computación de Altas Prestacións (GHPC).
O seu obxectivo é achegarlles un espazo de comunicación a investigadores do eido internacional, co fin de que (entre outras cousas) dean a coñecer as a súas aplicacións do cálculo computacional ao Cálculo Financieiro, Electromagnetismo, e-Ciencia, Biociencia e Dinámica de Fluídos.
Segundo afirman os seus organizadores, esta xornada “é unha mostra das enormes posibilidades que a supercomputación está a abrir para practicamente tódalas disciplinas científicas”.
O profesor Mike Giles, do Instituto de Matemáticas da University of Oxford, Reino Unido, foi o encargado de abrir a xornada co relatorio, Emprego de tarxetas gráficas para cálculo financieiro de alto rendemento, mediante o cal mostrou a experiencia do seu grupo en programación CUDA sobre NVIDIA GPUs aplicado aods cálculos Monte Carlo e PDE en finanzas computacionais.
Posteriormente foi Levent Gurel, do Bilkent University Computational Electromagnetics Reseach Center (BilCEM) de Turquía quen falou sobre Computación paralela e algoritmos rápidos para a solución dos problemas de matriz densa máis grandes do mundo en Computación Electromagnética. No seu relatorio, Gurel presentou solucións rápidas e precisas para problemas electromagnéticos de modelización de grande escala con xeometrías tridimensionais e con formas arbitrarias empregando o algoritmo multipolar rápido de varios niveis (MLFMA).
Pola súa banda, Peter Sloot, profesor de Ciencia Computacional da University of Amsterdam, Holanda, explicou como os recentes avances en técnicas experimentais (detectores, sensores, scanners) para o coñecemento dos procesos físicos e biolóxicos, están a proporcionar inxentes cantidades de datos con incribles niveis de detalle. Pero a recollida destes datos realizase empregando diferentes escalas temporais e espaciais, que dificultan a compresión das relación e funcionamento dos diferentes sistemas.


Aplicacións na saúde e na industria


As aplicacións da supercomputación nas Biociencias é quizais unha das áreas nas que máis claramente se manifestan as grandes vantaxes da simulación computacional. Para falar desta disciplina o Profesor Laurent Dumas, da Universidade de París, Francia, presentará as 12:00 o relatorio “Posicionamento óptimo dos eléctrodos para mellorar a eficiencia dos marcapasos”. O obxectivo da súa investigación é determinar o posicionamento óptimo dos eléctrodos dun marcapasos nun corazón enfermo. Segundo Dumas, pódese interpretar como un problema inverso que se resolve con ferramentas de optimización estocástica. A posición óptima dos eléctrodos baséase na minimización da demora na fase de despolarización e permite a recuperación dun electrocardiograma satisfactorio. Aproveitando a paralelización natural dos métodos evolutivos o proceso de optimización pódese acadar nun tempo computacional razoable, e dese xeito podería no futuro axudar aos cirurxiáns a escoller a mellor estratexia a seguir nos tratamentos.
Finalmente, as 12:45 o Profesor Aslan Rustem, da Facultade de Aeronáutica e Astronáutica da Istanbul Technical University, Turquía, presentará varios exemplos de deseños industriais como barcos de grande tamaño, grandes túneles de vento verticais, ou helicópteros, realizados empregando a Dinámica de Fluídos Computacional para a análise térmica e de fluxos. A súa presentación CDF in desing centrarase no uso de diversas plataformas HPC e o seu rendemento en tempo de resposta nun proxecto orientado á produción. O deseño industrial é un dos campos onde mais habitual é o emprego de simulacións.
A Rede-GHPC ten como fin poñer en contacto e propiciar a colaboración entre grupos e centros de investigación do Sistema Universitario Galego, usuarios de tecnoloxías HPC (High Performance Computing). Na actualidade reúne 11 grupos de investigación.

PUBLICIDADE