Dous reputados deseñadores de Brainstorm impartirán un curso sobre escenografía virtual da USC

martes, 9 de xuño do 2015 Redacción

A Universidade de Santiago vai contar con dous dos máis reputados deseñadores actuais de escenografía virtual Brainstorm para o desenvolvemento dunha das súas actividades formativas de verán. Máis polo miúdo, trátase de Miguel Jiménez Moya e Enrique Beneyto, que impartirán entre o 23 e o 26 de xuño un curso de verán sobre escenografía virtual 3D e sets virtuais interactivos en tempo real. O curso, cuxo prazo de inscrición remata este venres 12, desenvolverase no Plató Virtual da Facultade de Ciencias da Comunicación baixo o seguinte epígrafe: Innovación en escenografía virtual avanzada: Aston 3D Suite e Infinity Set de Brainstorm Multimedia.
Con esta achega formativa de natureza práctica, a USC buscar amosar múltiples detalles da contorna da escenografía virtual avanzada, “unha constante na produción audiovisual contemporánea”. Entre outros contidos, exporanse cuestións como a concepción do set, o potencial do espazo virtual, a creación de cámaras, o manexo do software Infinity Set, o traballo con actores ou a gravación.
Lembrar que Brainstorm Multimedia é unha transnacional española con máis de vinte anos de experiencia en investigación e desenvolvemento de escenografía e grafismo virtuais 3D en tempo real. A súa principal baza, explican os organizadores do curso, é un software vangardista que fornece solucións en tempo real ás múltiples esixencias gráficas e de difusión de procesos electorais, novas, deportes, concursos, etc., dende gráficos de cabeceiras ou xenéricos de titulación, ata complexos proxectos de estudos virtuais interactivos con realidade aumentada.
Respecto aos profesores, sinalar que Miguel Jiménez Moya é deseñador de QA (Quality Assurance) de Brainstorm Multimedia. Como especialista en creación e desenvolvemento de liñas gráficas e sets virtuais en tempo real e formador de eStudio, Aston 3D, Easy Set e outros productos BM, levou a cabo múltiples aplicacións gráficas no eido nacional e internacional.
Pola súa banda, Enrique Beneyto é asesor de proxectos e deseñador gráfico en BM. Foi responsábel de instalación e capacitación de produtos BM para MBC (Corea), IDS (EEUU), TV Azteca (México) ou AlMayadeen (Líbano).

PUBLICIDADE