Diverciencia, un programa para que a investigación fale o idioma de tod@s

xoves, 19 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Unha pequena parte dos galegos vive mergullada de cheo na ciencia mentres que a maioría vive totalmente de costas a ela, sen sequera ter conciencia de que unha boa parte do seu benestar non sería posible sen a contribución dos científicos. Amañar na medida do posible esta situación de desencontro, que por certo non é exclusiva de Galiza, é o gran obxectivo do programa Diverciencia da Dirección Xeral de I+D da Consellería de Innovación. Como podería facerse isto?
A xuízo deste departamento da Xunta, a base de orixinalidade, actividades interesantes e interactivas e ben explicadas, imaxe de marca e, sobre todo, divertimento. En definitiva, do que se trata é de poñer perante a sociedade o lado máis amigable da ciencia, aquel que conecta directamente coa mocidade porque pode falar o seu mesmo idioma, sendo os mozos e mozas da nosa terra –en definitiva– aqueles ós que máis se dirixe o programa.
A imaxe de Diverciencia será a que acompañe tódolos actos de divulgación científica da Dirección Xeral de I+D de aquí en adiante, e non é casualidade que no material de presentación (posters, marcas de libros, tarxetas) apareza unha moza sorrindo e non o típico material de laboratorio, co que se substitúe o diálogo (se cadra pouco frutífero) ferramenta de investigación-moza por un directo cara a cara.
O orzamento do programa é de 1.200.000 de euros para este ano en curso, e cómpre subliñar que moitas xa foron postas en marcha.

Actividades concretas
Diverciencia, en realidade, xa foi posta en marcha hai tempo, e actividades como a Noite dos Investigadores foron unha mostra deste xiro que Innovación lle quere dar á divulgación científica en Galiza. Sexa como sexa, Código Cero puído saber que en breve abrirase unha exposición interactiva sobre o cerebro humano en Santiago, en colaboración coa Universidade compostelá. Amais, será unha mostra itinerante, co que se pretende que a ciencia adquira “mobilidade e vida, chegando a vilas onde apenas hai contacto coa masa crítica investigadora e científica. Por outra banda, tamén puidemos saber de que o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e a Dirección Xeral de I+D están a preparar unha actividade de divulgación na que participarán centros educativos de todo o Estado ó longo de tres días (16, 17 e 18 de novembro) presentando proxectos innovadores de investigación. Estes encontros celebraranse no eido da Tecnópole, onde haberá exposicións sobre fontes de enerxía e tecnoloxía, xogos, obradoiros e charlas ós profesores sobre a necesidade de inculcar a cultura investigadora nos máis novos, entre outras actividades. Formarán parte desta xuntanza uns 10 colexios, entre os que se atopa o Guillelme Brown de Ourense, un centro educativo que acudirá coa salientable cifra de seis proxectos. Tecnópole calcula que na iniciativa participarán uns 1.000 nenos.

Participantes
En Diverciencia participan como organizadores das actividades 24 entidades de moi variada índole, entre os que podemos atopar dez asociacións e fundacións (Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática, Amigos da Terra, Caixa de Maxwell, Obra Social Caixa Galicia, Fundación Ferrol Metrópoli, Instituto de Estudos Miñoranos, Fundación Galiza Sempre, Amicos, Ensinantes de Ciencia de Galicia, Fundación Sotavento Galicia), as 3 universidades (Santiago, A Coruña e Vigo), os 4 centros de CSIC na nosa terra e 7 entidades de investigación (Centro de Supercomputación de Galicia, Centro Tecnolóxico de Acuicultura, Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste, Centro Tecnolóxico do Mar, Asociación Nacional de Fabricantes de Conserva, Tecnópole e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo).

PUBLICIDADE