Dispoñíbel un trivial para smartphones que aborda a corrupción en España

martes, 11 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Hai que rirse de todo, mesmo da corrupción política. Pero iso si: rirse non implica perdoar nin indultar. A xustiza ten que ser ben firme cos prevaricadores e os traficantes de influencias, deixándonos marxe a nós para pasar un bo rato con cousas como Pregunticas, un novo trivial para dispositivos intelixentes que centra unha das súas categorías estrela na devandita temática da corrupción en España, mesmo chegando a incluír preguntas sobre o peite de Bárcenas, a tarma Gürtel ou o caso Nóos, entre outros máis temas vergoñentos.
Pregunticas, case con toda probabilidade o primeiro xogo para móbiles destas características (con cuestións específicas sobre a corrupción en España, un tema que por desgraza dá para moito, e sen que sexa preciso ollar cara ao lonxe), inclúe máis de 60.000 preguntas distribuídas en 24 categorías. Segundo contan os seus responsábeis, na súa primeira semana xa se converteu nunha das apps máis descargadas do App Store, tanto para iPhone como para iPad. Unha destas categorías está dedicada en exclusiva ao tema dos ladróns dos despachos oficiais: "Esta é unha categoría que dá moito xogo, xa que nos tempos que corren, por desgraza, vanse engadindo preguntas case cada día", explica un dos creadores do xogo, Sergi Solé. Pero non todo é corrupción no Pregunticas: Ademais desta categoría, os seus creadores engadiron ingredientes “de interese” como por exemplo logotipos de diferentes marcas ou vídeos de programas de televisión das pasadas décadas.

PUBLICIDADE