Dispoñíbel en galego (ao cen por cen) a versión 3.20 do escritorio Gnome

martes, 5 de abril do 2016 Redacción


Xa temos na nosa lingua a nova versión do escritorio Gnome, a edición 3.20. A localización (que cobre o 100% do código) foi unha realidade grazas ao traballo voluntario e desinteresado do equipo galego de tradución de Gnome. A nova foi dada a coñecer a finais de marzo e segundo reflicte a web de Mancomún, “completa o ciclo de desenvolvemento que supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación”. Sinalar tamén que esta achega de tradución achega, en palabras do dito equipo, outros puntos especialmente relevantes. Non só polas melloras e novidades introducidas no propio software con esta versión 3.20, senón tamén polo nivel de tradución acadado, que como dixemos foi do 100% e que inclúe novas aplicacións presentadas nesta publicación, “todas cumprindo cos últimos acordos de terminoloxía publicados polo Proxecto Trasno”.
O equipo ceibou (poñéndoos a disposición pública) os recursos lingüísticos en galego de Gnome 3.20 baixo a licenza Creative Commons BY-SA 3.0. O grupo tamén aproveitou o lanzamento para convidar á comunidade a botar unha man para traballar na revisión e actualización da documentación base dos aplicativos. Neste senso, o equipo lembra que conta cunha serie de manuais de introdución aos procedementos de tradución de Gnome para orientar aos novos colaboradores.
Polo que respecta á versión 3.20 do escritorio e as características que introduce, informar que é o resultado de medio ano de traballo da comunidade internacional que impulsa esta contorna libre e que contén novidades a xeito de axustes, melloras e funcións a estrear. En total, esta publicación incorpora 28.933 cambios realizados por 837 contribuidores. Entre as melloras máis salientábeis inclúense as seguintes: xanelas de atallos de teclado, soporte para Wayland (a nova tecnoloxía para gráficos e pantalla en GNU/Linux), controis de edición fotográfica, acceso rápido para controis multimedia, renovación do administrador gráfico de ficheiros e do calendario e introdución de Aplicación Maps 3.20 con soporte para etiquetado de puntos de interese sobre OpenStreet Map, entre outras moitas cousas. O código fonte está dispoñíbel de balde para a súa descarga e redistribución.

PUBLICIDADE