Disney+ podería tardar bastantes meses en chegar a España

xoves, 22 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O 12 de novembro será a estrea de Disney+ en EE.UU., Australia, Nova Zelandia, Canadá e Países Baixos, e aínda que poderiamos confiar en que a expansión internacional do servizo fose a ser rápida, no caso español a plataforma que integrará marcas como Disney, Pixar, Marvel, Star Wars e National Geographic podería tardar bastantes meses en desembarcar por culpa dun acordo vixente dende 2017 con Movistar+, que expiraría a finais de 2020.
A existencia da canle Movistar Disney é así o grande atranco que tería Disney+ para chegar ao noso territorio, o que pode lembrarnos ao que aconteceu coa chegada de Netflix a España, que realizouse sen as súas dúas series insignia (House of Cards e Orange Is the New Black) que estaban a emitirse en exclusiva a través de Movistar.
Queda así no aire se a Disney optará por explotar en exclusiva os seus contidos baixo demanda, ou se manterán unha estratexia híbrida, na que continúe a ofrecer boa parte da súas oferta a través de canles tradicionais, que continúan a ser moi rendibles ao coller parte da torta tanto do mercado publicitario como da televisión de pagamento.

Disney+ recollerá contidos de grandes marcas conformando un dos catálogos máis ricos e atractivos do mercado

PUBLICIDADE