Día sen móbiles: en protesta contra a subida de prezos

xoves, 1 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Tal e como apuntan estes días a gran maioría dos medios de comunicación en liña, os profesionais da saúde están a alertar do abuso dos móbiles e de Internet entre os mozos españois. Isto, ademais de supoñer un grave problema para a saúde pública, achega un gasto excesivo para as familias, que desembolsan grandes cantidades de cartos nas facturas desorbitadas dos fillos adolescentes que abusan deste servizo. Porén, non fai falla abusar para que cada mes nos deixemos en telefonía móbil unha cantidade considerable de diñeiro; gasto que será moito maior cando as operadoras comecen a aplicar os anunciados incrementos de tarifas, grazas ás que ingresarán 771 millóns de euros máis ó final do ano. Co fin de protestar contra este aumento de prezos, o sitio boicot.es fai un chamamento a tódolos consumidores para que o día 1 de marzo non se comuniquen polo móbil a non ser que sexan casos de máxima urxencia. A data non foi escollida ó chou, xa que o vindeiro 1 de marzo é o día no que entran en vigor as novas tarifas, as cales, para compensar a tarificación por segundos imposta pola lei, aumentarán un 25% tanto no establecemento de chamada coma no prezo por minuto. Con esta protesta, sen facer uso do móbil ó longo de toda unha xornada, preténdese darlles un toque de atención ás compañías, e achegarlles a mensaxe de que polo menos unha parte da sociedade (a que se adscribe a este tipo de actividades de protesta) non está de acordo co que na dita web boicot.es consideran “abusos indiscriminados”. Agora ben, é de supoñer que a convocatoria estase a facer mediante correo electrónico, pois sería de pailáns facela a través de SMS como se fixo con outras coñecidas convocatorias masivas nas que as operadoras de telefonía se embolsaron grandes cifras económicas.

PUBLICIDADE