Dez doentes de lesións medulares reciben un diploma de formación en liña de mans da USC e o Cesga

luns, 10 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías semellan ter vantaxes para as persoas con mobilidade, pero máis aínda para as que, por calquera motivo, non a teñen. Neste senso, os beneficios poden ser moitos e variados, xa que lles achegan portas para incrementar a súa educación (a distancia), para comunicarse e, en última instancia, para seguir formando parte da sociedade. Isto tamén é aplicable ós hospitalizados de longa duración, que son os beneficiarios do Proxecto E-Hospital no que participan a USC, o Cesga e a Unidade de Lesionados Medulares do Complexto Hospitalario Juan Canalejo.
Pois ben, unha das actividades estrela desta iniciativa, a edición 2006-2007 do curso piloto de formación continua E-Hospital: Alfabetización dixital básica, concluíu a semana pasada coa entrega de diplomas ós participantes: 10 pacientes do dito complexo hospitalario coruñés.
Segundo informan as entidades responsables do proxecto, os alumnos presentes salientaron no acto de entrega a importancia da experiencia, “xa que lles ofreceu a posibilidade de adquirir unha nova capacitación e de acadar acceso aos múltiples servizos e posibilidades que ofrece a Rede”.
A entrega dos diplomas tivo lugar nun acto celebrado no Salón de Graos do Pazo de San Xerome no que estiveron presentes o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, o director do Cesga, Javier García Tobío, e o xerente do C.H. Juan Canalejo, José Manuel García, entre outros persoeiros do eido educativo e científico.
Sinalar que o Proxecto E-Hospital está cofinanciado pola Comisión Europea no marco do Programa Sócrates/Grunddvig, no que participan institucións educativas de Austria, Francia, Alemaña, Polonia e España baixo a coordinación da institución austríaca Die Berater. Cada país deseñou o proxecto con distintos tipos de doentes, como anciáns con Alzheimer en Francia, ou enfermos psiquiátricos en Polonia. No caso de España, o Cesga e a USC desenvolveron o proxecto para lesionados medulares coa posta en marcha da titulación específica de alfabetización dixital para o que o Departamento de e-learning do CESGA diseñou un sistema de xestión da aprendizaxe basado en software libre e outras ferramentas.

PUBLICIDADE