Detectan numerosas intrusións a contas de usuario de Nintendo

martes, 21 de abril do 2020 Marcus Fernández

O editor da páxina web sobre videoxogos de Nintendo Loot Pots, está a advertir dun posible fallo de seguridade nos servidores da compañía nipoa ou, cando menos, dun ataque masivo aos mesmos, polo que recomenda aos usuarios a activación da verificación en dous pasos e a desvinculación da súa conta de PayPal da súa conta de Nintendo, para impedir así que intrusos poidan realizar compras non autorizadas.
Ao parecer hai numerosos usuarios de países como EE.UU., Chile e Rusia que están a advertir conexións ás súas contas de Nintendo, e nalgún caso detectaron que o emprego das súas contas para a compra de PaVos de Fortnite, de aí que sexa moi recomendable maximizar a seguridade, para evitar non só o roubo de contas, senón tamén o roubo directo de cartos a través de cargos indebidos. O mero feito de activar a verificación en dous pasos nas contas de Nintendo debería ser dabondo para evitar este tipo de ameazas á seguridade informática.

PUBLICIDADE