Denuncian que certos servidores de descarga directa van lentos a través de conexións ADSL de Telefónica

martes, 22 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Numerosos usuarios de conexións ADSL de Telefónica están a queixarse estes días dunha drástica redución de velocidade ao descargar ficheiros de servidores populares coma Megaupload e Rapidshare, o que segundo contrastan non está a acontecer con outras operadoras tanto de cable coma de ADSL, polo que sospeitan que a operadora está a limitar as descargas dos mencionados servidores, que están proliferando coma sistema de descarga masiva e competindo seriamente co P2P.
Dende ADSLzone quixeron comprobar o problema e descargaron o mesmo ficheiro simultaneamente dende dúas conexións de ADSL de operadoras diferentes (Telefónica e Jazztel) e puideron apreciar cómo a velocidade de descarga a través da liña da operadora dominante era moito máis reducida, aínda que este tipo de proba non resulta concluínte, polo que algúns prefiren considerar que esta incidencia polo momento é só unha conspiranoia.
De todos os xeitos, hai que lembrar que as operadoras de telecomunicacións xa tomaron medidas no pasado contra o tráfico de plataformas coma o eDonkey2000 (eMule), polo que non sorprendería que decidisen restar prioridade ás conexións de certos servidores dos que realízanse descargas masivas.

PUBLICIDADE