Denuncian a Rojadirecta.com por facilitar información sobre cómo ver retransmisións deportivas de balde a través da Internet

luns, 27 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Audiovisual Sport emprendeu unha acción legal de natureza penal contra o propietario de Rojadirecta.com por un suposto delito contra a propiedade intelectual, pois o popular portal galego está especializado en retransmisións deportivas a través da Internet, ofrecendo información periódica sobre cómo poder seguir un amplo abano de eventos como a Liga española de fútbol ou a Copa do Rei (competicións motivo da denuncia por parte da sociedade controlada por Sogecable).
O responsable de Rojadirecta.com deféndese das acusacións argumentando que non difunde contidos audiovisuais de ningún tipo, senón que só publica texto e ligazóns a canles externas sobre as que non ten control algún, de xeito que estas vías de acceso ós contidos en cuestión seguirían activas aínda que o portal non publicase a súa existencia (e mesmo son doados de atopar a través de buscadores de Internet).
Dende o portal tamén aseguran que seguirán a facer un seguimento dos partidos da Liga e da Copa do Rei, pois consideran que a medida legal tomada por Audiovisual Sport só ten un carácter intimidatorio.

PUBLICIDADE