Democom e o Concello da Coruña unen forzas para internacionalizar a súa rede de radiocomunicacións dixitais

xoves, 13 de novembro do 2008 Raquel Noya

O operador galego Democom, propietario dunha rede de radiocomunicacións dixitais que opera dende hai meses en Galicia, ten como obxectivo máis próximo “estenderse a nivel mundial, internacionalizando os seus servizos e achegando as súas solucións de comunicación a outros países”.
É por iso que a entidade vén de asinar un convenio de colaboración coa Universidade xermana de Saarbrücken para unir coñecemento teórico e práctico e potenciar a efectividade da aplicación de tecnoloxías como DMR ou WiMAX, solucións nas que a devandita entidade académica é unha das máis avanzadas da Unión Europea.
Democom, que leva algo máis dun ano traballando con esta tecnoloxía, pretende coa colaboración da Universidade de Saarbrücken “desenvolver potentes solucións que permitan depregar a súa rede en calquera país do mundo que o demande
A orixe deste acordo para o desenvolvemento da versión 3.0 nace en febreiro de 2007 cando un equipo de enxeñeiros de ITC Grupo, holding ao que pertence Democom, visitaron a HTW para coñecer de primeira man os desenvolvementos tecnolóxicos sobre TETRA e WiMAX nos que alumnos e profesores estaban traballando. En xuño dese mesmo ano a Universidade de Saarbrücken devolveu a visita enviando a un grupo de 25 alumnos e 4 profesores a coñecer as instalacións de ITC Grupo, así como os proxectos do operador galego co gallo de acadar un acordo de colaboración. Nesa visita, o alcalde da Coruña recibiu á comitiva alemá no Pazo Municipal e interesouse polos acordos que ambas entidades estaban estudando pechar.
Finalmente, DEMOCOM e a Universidade de Saarbrücken asinaron unha alianza para tratar de unir sinerxias e garantir a transferencia de coñecementos tecnolóxicos, á que o Concello da Coruña comunicou o seu apoio por entender como altamente positivas para a cidade este tipo de iniciativas.
Deste xeito, o Concello colaborará con Democom permitíndolle realizar as probas definitivas de radiocomunicacións dixitais de voz, posicionamento, telemetría e control remoto na cidade herculina, unha vez superados tódolos controis de calidade.
Deomocom anunciou que lle entregará os seus equipos aos corpos de seguridade e emerxencias á administración local coruñesa para que operen con eles como “proba definitiva antes de comezar a comercialización internacional”. A cidade convertiríase así, aseguran, “no espello mundial e primeiro usuario da nova versión do sistema”.

PUBLICIDADE