Death Stranding poderase xogar en dispositivos de Apple

martes, 23 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Un dos xogos máis inquietantes dos últimos anos, Death Stranding, vai chegar finalmente a dispositivos de Apple o vindeiro 31 de xaneiro a un prezo de 22,99 euros, de xeito que os usuarios dun Mac con procesador Apple Silicon, dun iPad con procesador M1 ou posterior ou dun iPhone con chip A17 Pro ou posterior poderán gozar deste título directamente na súa versión Director’s Cut.
Estamos ante un deses xogos que, pese a poder correr nunha tableta ou nun smartphone, achega un nivel máis propio dun xogo de consola, como denota o feito de que o seu tamaño sexa de 69,8 GB.
Death Stranding Director’s Cut tira o máximo proveito das características de Metal 3 (como o MetalFX Upscaling) para conseguir unha grande fidelidade gráfica e un magnífico desempeño. Tamén conta cunha alta taxa de refresco, modo foto e contido cruzado co Half-Life e Cyberpunk 2077.
Para quen non estea familiarizado co título, trátase dunha obra de reputado Hideo Kojima, que sitúa a acción nun futuro no que un evento coñecido como Death Stranding abriu unha porta entre vivos e mortos, o que trouxo ao mundo criaturas grotescas do alén que deambulan por un planeta en ruínas habitado por unha sociedade desolada. Adoptaremos o rol de Sam Bridges (interpretado polo célebre actor Norman Reedus), quen ten como misión levar esperanza á humanidade conectando aos últimos superviventes duns EE.UU. arrasados.

PUBLICIDADE