David Bello compartirá a súa experiencia como emprendedor tecnolóxico na vindeira edición de Iniciador Galicia

mércores, 18 de abril do 2012 Marcus Fernández

David Bello durante a presentación en sociedade de TTT Social Center</A>

O xoves 26 de abril Iniciador Galicia volverá á Escola de Negocios Nova Caixa Galicia sita na Ronda de Nelle, 31 de A Coruña para permitir a emprendedores e profesionais de base tecnolóxica poidan participar nun relatorio de David Bello Galicia, xerente de Webphone, quen contará a súa experiencia profesional na creación da súa empresa, na entrada dun socio-investidor e o que todo iso supuxo para a compañía, o que resulta de especial interese para os que queren iniciar proxectos empresariais expansivos e con potencial para a súa internacionalización.
Lembremos que David Bello é a cabeza visible da compañía coruñesa IP Global, dende a que desenvolveu o proxecto Webphone (que conseguiu gañar o IV Campus de Emprendedores SeedRocket , pechou unha primeira rolda de financiamento por un montante total de 1,2 millóns de euros e hai poucas semanas recibiu un galardón ao Mellor Sistema de Relación ao Cliente), participou na creación da empresa TTT Social Center e tamén desenvolveu outros proxectos como a páxina web Parabrisas.es, deixando claro que o emprendemento pode ser constante, e o sector TIC é un bo campo no que sementar, de aí que a súa experiencia sexa de grande interese para todos os que queiran seguir os seus pasos.
Como de costume, a participación en Iniciador Galicia é de balde, debéndose confirmar antes a súa asistencia a través de Facebook ou por correo electrónico, para permitir que a organización poida axustarse ao aforo dispoñible.

PUBLICIDADE