Da comezo en Santiago, o II Congreso de Turismo e Novas Tecnoloxías

martes, 9 de decembro do 2008 Raquel Noya

O Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela acolle, dende hoxe, un encontro dirixido a profesionais e empresarios do sector turístico interesados en coñecer as aplicacións das novas tecnoloxías para o desenvolvemento e mellora das empresas turísticas.
Trátase do II Congreso de Turismo e Novas Tecnoloxías, que organiza a Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, e que nesta ocasión está enfocado cara os empresarios do sector turístico en xeral e aos integrantes do sector hostaleiro e empresarios de turismo rural en particular.
No programa previsto para as dúas xornadas desta edición cabe destacar a presenza de profesionais galegos (axencias de receptivo e membros da plataforma Vindeira) e outros relevantes profesionais do sector procedentes doutros países e que traballan en empresas de recoñecido prestixio como Google Travel Spain.
Asemade, esta mesma tarde (ás 16:00 horas) acudirá ao evento o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia, para moderar unha mesa redonda sobre exemplos prácticos de novas tecnoloxías aplicadas ao turismo.
O obxectivo último do congreso é “dar a coñecer aos profesionais do sector turístico galego, a través de experiencias prácticas e reais, as posibilidades que lles pode ofrecer a aplicación das novas tecnoloxías aos seus ámbitos de traballo”. O seminario consta de dúas xornadas completas, distribuídas en sesións teóricas de mañá e prácticas de tarde. Nas sesións teóricas inclúense conferencias de expertos que amosarán as súas potencialidades de aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación aos diferentes eidos nos que desenvolven o seu traballo os profesionais do turismo.
Asemade, non faltarán as mesas de discusión para que os expertos poidan debater e compartir experiencias e opinións cos profesionais asistentes. Nas sesións prácticas haberá presentacións de exemplos reais de aplicación das novas tecnoloxías ás empresas turísticas.
Os asistentes tamén experimentarán un coñecemento in situ de novas formas de promoción, comercialización e información mediante a aplicación das TIC.

PUBLICIDADE