DJI presenta o seu primeiro dron de carga

xoves, 11 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Levamos anos escoitando falar dos drons para realizar envíos nos que están a traballar compañías como Amazon, e o que parecía unha simple estratexia de márketing para conseguir publicidade de balde, paulatinamente vai converténdose nunha realidade, e agora é o máis importante fabricante de drons de consumo a nivel mundial, DJI, o que entra neste sector co DJI FlyCart 30, un potente elevador de cargas a longa distancia que pretende ofrecer unha solución de transporte aéreo segura, económica e eficiente.
Este interesante dron é capaz de mover até 30 quilos de carga útil (cando está equipado con 2 baterías, xa que se só leva 1 podería chegar até os 40 quilos de carga), pode trasladarse cunha única carga a entre 16 e 28 quilómetros de distancia (en función do peso que leve) e pode desprazarse até a 20 metros/segundo. Pode voar a unha altura máxima de 6.000 metros, soporta ventos de até 12 metros/segundo e tamén é capaz de soportar temperaturas de entre 45 graos e 20 graos baixo cero.
O DJI FlyCart 30 integra tecnoloxía de transmisión de vídeo cun alcance de até 20 quilómetros (que pode operar mediante 4G), pode contar con dous operadores, ten resistencia IP55 e resistencia á corrosión, integra paracaídas, permite o establecemento de varios puntos de aterraxe en caso de emerxencia e está equipado con radares de matriz en fase e un sistema de visión binocular dobre para lograr detectar obxectos.
Un dispositivo moi completo, que pode controlarse co mando DJI RC Plus (equipado cunha pantalla de 7 polgadas) e conta con dous modos de funcionamento: modo carga (cun estoxo con 70 litros de capacidade) e modo guindastre (na que a carga irá colgada dun cable que pode controlarse de xeito manual ou automático.
Estamos, en definitiva, ante un produto capaz de superar os límites loxísticos tradicionais, do que nos falta saber o prezo que terá.

PUBLICIDADE