Curtas na Rede entrega os seus premios o vindeiro 28 de outubro na Coruña

venres, 17 de outubro do 2008 Raquel Noya

No marco da clausura das xornadas de exhibición de curtametraxes organizadas pola Secretaría Xeral de Comunicación, o director de Pradolongo, Ignacio Vilar, acompañado pola secretaria xeral do Consello da Xuventude de Galicia, Azucena Rodríguez Amoroso, anunciou a data de entrega dos premios do concurso Curtas na Rede, que terá lugar o vindeiro 28 de outubro no Teatro Colón da Coruña.
A devandita xornada formaba parte da campaña de dinamización da rede de telecentros de comunicación, Comunícate, que está a desenvolver a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual nos distintos centros dependentes do Centro Multimedia de Galicia co fin de dar a coñecer á poboación as distintas posibilidades que ofrecen os centros.
A través desta inciativa, búscase que os telecentros se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías, co fin de crear unha comunidade virtual que fomente a autoxeración de actividades por parte dos usuarios.
Esta xornada, que se celebrou no Centro Multimedia de Galicia, puido seguirse tamén desde os telecentros de comunicación de Boiro, Melide, Muros, Fonsagrada, Foz, Viveiro e Xinzo de Limia.

PUBLICIDADE