Cultura lanza vídeo na Rede para fomentar a lectura e o achegamento ás bibliotecas

mércores, 8 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A Consellería de Cultura e Educación quere fomentar o hábito da lectura entre xentes de todas idades, poñendo o foco (principalmente) nas novas xeracións. Por este motivo, vén de lanzar un vídeo nas redes que serve de complemento á campaña Ler Conta Moito, que vén cunha contía de axudas de 195.000 euros e que este mes de agosto materialízase en 56 actividades a desenvolver en 35 concellos dda nosa xeografía.
A devandita campaña, para quen non o saiba, posibilita que 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais de 173 municipios se beneficien até finais de outubro das actividades que ofrece este proxecto.
Volvendo ao devandito vídeo, é unha achega audiovisual para divulgar Ler Conta Moito e incrementar ao máximo a súa incidencia, facilitando o achegamento da cidadanía aos espazos das bibliotecas como “puntos de encontro”. O vídeo pode verse na web de Cultura e na canle de YouTube.
Actividades destes días
Este 9 de agosto, na Biblioteca Pública Municipal de Ourol, ás 11:00 horas, a rapazada de catro a 12 anos poderá participar na actividade Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína e, á mesma hora, na B.P.M. López Cortón de Cedeira os rapaces e rapazas de tres a 12 anos poden asistir ao contacontos titulado Raposadas. A Axencia de Lectura Municipal de Arbo, en Cangas, ofrece ás 11:30 horas un obradoiro creativo para nenas e nenos a partir dos seis anos. Ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal de Caión, a Bibliodiscoteca con María Faltri está dirixida a todas as idades. Xa á noite, ás 22:00 horas, en Vilagarcía de Arousa, na B.P.M. Irmáns Camba, celebrarase o espectáculo Pobre poesía, de Xoan Curiel.
Ao día seguinte, o venres 10, ás 11:30 horas, a Biblioteca Pública Municipal do Grove ofrece a un público de entre tres e 10 anos As parábolas de Pakolas. Ás 12:00 horas, A maxia de Mary Poppins estará na B.P.M. do Valadouro, para achegar aos libros e a lectura á rapazada de entre tres e 13 anos. Á mesma hora, Xan Perillán e a maleta máxica chegan á B.P.M. de Santa Comba, para os nenos e nenas de tres a 12 anos.
O sábado 11, ás 11:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal Varela Jácome de Lalín un público de tres a 12 anos poderá gozar cos Conxuros de Carmiña, A Meiga.
Propostas para fomentar a lectura
Ler Conta Moito ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para, en palabras da Consellería, “achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente”. O programa inclúe obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, ata teatro e danza, exposicións ou itinerarios guiados, entre outras. Cada acción pode estar, ademais, dirixida a públicos específicos, como bebés de 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais.

PUBLICIDADE