Cultura e tecnoloxía xúntase na nova tenda da FNAC na Coruña

mércores, 20 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O pasado martes pola tarde inaugurouse na Coruña a primeira tenda galega da cadea FNAC, que en dous andares que suman 2.200 metros cadrados incrementarán a oferta de produtos tecnolóxicos e culturais da cidade herculina, incorporando un catálogo de máis de 200.000 libros e milleiros de referencias en discos e DVD, ó que haberá que engadir a celebración de un ou dous actos culturais cada día (como presentacións de libros, talleres, actuacións en directo, etc.).
A inauguración da nova tenda sita na Praza de Lugo (xunto o remodelado Mercado da Guarda) converteuse nun dos acontecementos culturais máis importantes da tempada, congregando a unhas 600 persoas, entre as que había moitos persoeiros galegos coma músicos, escritores, políticos, xornalistas e empresarios.
Antón Reixa foi quen apadriñou o evento, e presentou unha actuación en vivo de Rosa Cedrón, aínda que a música continuaría tamén pola noite nos Xardíns de Méndez Múñez cunha actuación de Deluxe, Happy Mondays e Siniestro Total.
Talleres Tecnolóxicos FNAC
Aparte do mero evento inaugural, tamén se deu a coñecer o programa de eventos que terán lugar no novo establecemento ata o mes de xullo, destacando uns tallares tecnolóxicos de balde e sen inscrición previa que permitirán ós asistentes estar sempre ó día dos avances da técnica, que comezarán o día 26 de xuño cunha sesión orientada ó dominio do procesador de Intel conducida polo especialista Mikel Pascual, mentres que o 17 de xullo Francisco Javier Salcedo exporá as vantaxes de Windows Vista fronte a Windows XP nun taller organizado en colaboración con Microsoft.
Ampla oferta tecnolóxica
A nova tenda da FNAC tamén destaca pola súa oferta tecnolóxica, que vai dende os últimos videoxogos ata a telefonía móbil. Os amantes da tecnoloxía poderán atopar un inmenso catálogo de teléfonos libres, material informático que pode competir en oferta con case calquera tenda actual (vendendo dende equipos completos ata compoñentes soltos), un espazo dedicado a ordenadores de Apple e unha selección moi nutrida de reprodutores multimedia, nos que non só había iPods, senón que se pode atopar dende reprodutores de Creative ata os da galega Blusens, así como unha chea de accesorios que procurarán atender a demanda dos afeccionados á música dixital.

PUBLICIDADE