Cristina Aranda fixo no CITIC unha proclama pola IA inclusiva e xusta

mércores, 24 de abril do 2024 S. P.

Na tarde deste 23 de abril celebrouse no CITIC o cuarto obradoiro do ciclo HumanIA da Universidade da Coruña, programa formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC). A consultora de tecnoloxía, análise de datos, Intelixencia Artificial e transformación cultural e asesora sobre tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda Gutiérrez, foi a encargada de impartir o taller sobre Perfís profesionais: humanidades e IA.
Durante a sesión, Cristina Aranda convidou aos asistentes a reflexionar sobre como a IA pode ser “xusta e inclusiva” e por que é fundamental que o sexa. Tamén ilustrou como debemos abordar os retos sociais, éticos, laborais e educativos que implica esta tecnoloxía.
Cristina, co-fundadora de Big Onion e tamén de Mujeres Tech, asociación que promove iniciativas para impulsar a presenza feminina en diferentes postos de ámbito dixital, fixo un chamamento a realizar “a necesaria transferencia de tecnoloxía” e “abordar de maneira efectiva a cooperación dos diferentes perfís profesionais e persoais”.
O obradoiro enmarcouse como dixemos no ciclo formativo HumanIA UDC: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial, lanzado o pasado mes de setembro, e que ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia da Intelixencia artificial en os estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades.
Ata o momento, máis de 400 asistentes participaron nos talleres de HumanIA nos que se abordaron tamén a regulación da Intelixencia Artificial e casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións.

PUBLICIDADE