Coruña Bloggers trasládase á Fundación Barrié

luns, 21 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Tras catro edicións de grande afluencia no Bergin Afterworks Bar, o vindeiro 30 de novembro volve Coruña Bloggers estreando sede, de xeito que desta volta os blogueiros coruñeses compartirán coñecemento e experiencias na Fundación Barrié, en pleno Cantón Grande, mantendo o formato que tanto éxito colleitou nos últimos meses.
Deste xeito, o mércores 30 ás 19:30 horas botará a andar a V edición de Coruña Bloggers, estruturándose a xornada nun par de relatorios aos que seguirán un sorteo de agasallos e un tempo de networking.
Abrirá a sesión Arantxa Serantes, licenciada en Humanidades, experta en mercadotecnia, publicidade e comunicación, investigador da USC e blogueira cultural na edición dixital de El Correo Gallego, coa súa bitácora A duermevela. Buscará introducir aos asistentes nas humanidades dixitais dende un enforque práctico.
Completará a parte máis formal do encontro a programadora Jessica Gestoso, quen actualmente dedícase a axudar a outras nais emprendedoras coa parte técnica do seu blog, e na súa intervención en Coruña Bloggers dará conta do potencial dos auto-respondedores, ou sexa, de como tirar proveito da planificación dunha secuencia de correos electrónicos que poden recibir de xeito automático as persoas que se subscriban a un blog, favorecendo que xurda unha relación de confianza e incluso poder chegar a incrementar vendas.
Ao remate dos relatorios sortearanse produtos subministrados pola tenda en liña O Pirata (un altofalante por vibración Ovum e un par de USB Power Cube) e un lote de xenebra e tónica de Qualité Events. Tampouco faltará a xa habitual degustación de galletas de La dulce comarca.
Os interesados en acudir a Coruña Bloggers poden solicitar de balde a súa invitación a través de Eventbrite, pregándose aos participantes que acudan cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para entregar logo á Cociña Económica.

PUBLICIDADE