Coremain celebra este xoves o Foro de Cidades Dixitais en Santiago

mércores, 26 de setembro do 2007 Raquel Noya

A empresa galega Coremain segue a apostar pola normalización do emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), e, dentro dese compromiso, estase a facer especial fincapé nas vantaxes que presentan as novas ferramentas para a mellora da nosa calidade de vida, tanto a nivel do fogar coma na relación coas administracións. A firma con sede en Santiago, consciente polo tanto do interese que esperta este tema en concreto, organiza mañá xoves 27 de setembro o I Foro de Cidades Dixitais no salón de actos da súa sede, no Parque Empresarial Costa Vella, en Santiago de Compostela.
O acto estará presidido polo director xeral de Coremain, Manuel Balseiro, que dará paso ó relatorio Cidades Dixitais e Cidadanía de Fernando Herrero Acebes, xefe da área de administración electrónica do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Wenceslao Vives, representante de Microsoft xunto con Kiriako Vergos, presidente de Codium Networks vanse encargar da parte práctica presentando solucións tecnolóxicas para empresas, e da man do director de negocio de Coremain, José Manuel García Oya, os asistentes obterán a visión dunha empresa de servizos TIC.
Antes de entrar no debate, moderado por Ignacio L. Balboa, director de desenvolvemento corporativo de Coremain, haberá dous relatorios máis, Fontes de financiación e Experiencia A Estrada Dixital, que darán os apuntamentos finais deste Foro que ten como finalidade impulsar proxectos innovadores no emprego das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos concellos de Galicia.

PUBLICIDADE