Continúa aberto o prazo para participar no I Seminario de usos e aplicacións do certificado dixital e tarxeta criptográfica

venres, 27 de agosto do 2010 Raquel Noya

O CPETIG, que estes días está a preparar con tesón a celebración do I Seminario de usos e aplicacións do certificado dixital e tarxeta criptográfica, que terá lugar o vindeiro día 10 de setembro en Santiago de Compostela, recorda que o prazo de inscrición para este evento estará aberto ata o 6 de setembro, e que se poderán inscribir nel tódalas persoas interesadas que desexen obter información de utilidade sobre os certificados dixitais e o seu uso en liña. O seminario, que é de balde, será retransmitido por videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo e ten como principal obxectivo, familiarizar ás persoas asistentes cos novos entornos de identificación usando certificados dixitais e tarxetas criptográficas.
Como apuntamos en días pasados, o evento contará entre outros cos relatorios de Roberto Martínez, técnico de seguridade do INTECO-CERT e de Natalia Miguel Álvarez, da empresa C3PO, así como co de Víctor Alberto Salgado Seguín, avogado-socio do Bufete de Dereito Informático Pintos&Salgado, quen abordará os aspectos legais da utilización destes certificados.
Os asistentes á xornada, que dará comezo a partir das 16 horas, recibirán cadansúa tarxeta con sistema de cifrado e identificación dixital CERES+WG10 FNMT-RCM certificada pola Fábrica Nacional da Moeda e Timbre.
Para participar neste seminario, as persoas interesadas deberán cumprimentar unha inscrición indicando ademáis dos seus datos, o telecentro ao que desexa asistir. O formulario para inscribirse neste seminario deberá ser remitido por e-mail a seminariocertificados@cpetig.org co asunto inscrición seminario certificado dixital ou por fax ao 981 937 831.

PUBLICIDADE