Conta atrás para Xuventude Galicia Net

luns, 10 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A Feira Internacional de Galicia Abanca será entre os días 18 e 20 de setembro a nova sede da LAN Party Xuventude Galicia Net, e os seareiros á informática que habitualmente frecuentan este tipo de encontros están impacientes por saber algo máis sobre este novo encontro no que todo son novidades (lugar, data...) e cando menos xa poden tranquilizarse sobre unha das principais incógnitas: cando será posible inscribirse para participar? Dende a páxina web oficial do evento iniciaron unha conta atrás de pouco máis de 6 días, de xeito que na vindeira fin de semana poderemos ver como os que queiran garantir a súa praza estarán pendentes do reloxo para poder anotarse no primeiro minuto para evitar o que aconteceu en anteriores ocasións, nas que o número de interesados en acudir era moi superior ao número de prazas dispoñible.
De todos os xeitos cómpre lembrar que a 15ª edición de Xuventude Galicia Net vai contar con 1.200 prazas, o que debería ser máis que suficiente para un encontro que busca recuperar o posto como o encontro deste tipo de referencia na nosa comunidade autónoma.

PUBLICIDADE