Compostela acolle esta semana un foro sobre a promoción audiovisual do futuro

mércores, 2 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede está aí para quen queira collela, e en materia de promoción audiovisual achega as mesmas posibilidades, ou máis, cá vida real. O proceso, lonxe de ir cara abaixo, vén de recibir novos azos coa entrada en xogo dos internautas fabricando ao seu gusto e coas súas propias mans os contornos a través dos cales se comunican. Falar a fondo das moitas oportunidades que achega a Web 2.0 en materia de promoción e distribución de filmes de todo tipo é un dos obxectivos do foro que organiza estes días en Santiago a Asociación Galega de Produtoras Independentes, AGAPI.
Este encontro, a desenvolver os días 3 e 4 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación, reunirá a máis de trinta profesionais no marketing e na comercialización audiovisual. Incluirá mesas redondas, debates e proxeccións sobre as últimas tendencias e os recursos máis innovadores en materia de promoción e venda.
O foro está organizado por AGAPI en colaboración coa Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores (EGEDA) e a Universidade de Santiago. Asemade, conta co apoio da Consellería de Economía en labores de patrocinio. Entre os participantes atópanse representantes de empresas e entidades como a Televisión de Galicia, TVE, Endermol, Sogecable, Zenit, Interacción, assetMedia, Cameo, Vaca Films, Continental, Pórtico, Tic Tac, Filmax, Zeppelin TV, Paramount, EGEDA, o Festival de Donostia, Play-Doc ou os Málaga Markets, amais de creativos como Ramón Costafreda ou Lis Torrón.
O obxectivo fundamental é que as/os asistentes poidan coñecer as diferentes estratexias de distribución de audiovisual, afondándose en cuestión como a estratexia comercial de produto, as diferentes fórmulas de financiamento e patrocinio, a explotación das obras e as canles de distribución, a comercialización en festivais e mercados ou as ferramentas de promoción 2.0 (as que están vinculadas ás redes sociais e a Web participativa).
O aforo da sala completarase cun público formado por profesionais de produtoras, distribuidoras, axentes de vendas, persoal dos departamentos de marketing e axencias de publicidade, así como por estudantes. A matrícula é gratuíta e o curso conta co recoñecemento de un crédito de libre configuración pola Universidade de Santiago.

PUBLICIDADE